A consolidación

Unha vez superada a complicada primeira etapa de posta en marcha da actividade, para consolidala no tempo é necesario actualizarse de xeito constante en paralelo coa evolución do sector, adaptando as técnicas, os procesos, os coñecementos, as competencias e os elementos diferenciais do catálogo de servizos e, no mellor dos casos, medrar contratando a persoal que che permita atender a toda a túa demanda.

Neste momento tamén queremos estar ao teu lado desde a Oficina Virtual, para asentar esta consolidación e continuar demostrando que o emprego autónomo en Galicia ten as mellores condicións para manterse no tempo con éxito.

Asesoramento e apoio

Cando dedicas o teu día a día a sacar adiante o teu negocio co obxectivo da súa consolidación, é difícil atopar o tempo e os recursos que se requiren para estar ao día das novidades na túa actividade, as tendenzas do sector ou as novas demandas da clientela.

Por este motivo, desde a Oficina Virtual do Emprego Autónomo queremos achegarche estudos de mercado e información sobre tendenzas que pensamos poden ser de interese para ti á hora de orientar a túa actividade.

En paralelo, tamén poñemos á túa disposición manuais e publicacións relativas a boas prácticas de xestión en todos os ámbitos da túa actividade, desde a seguridade e saúde no desempeño da mesma ata a eficiencia enerxética, pasando pola xestión comercial ou a responsabilidade social.

E para contidos máis especializados de asesoramento poñemos á túa disposición a nosa rede de persoal técnico, que poderá atenderche tanto presencialmente como en liña a través da zona privada da oficina virtual, e tamén che indicamos onde podes localizar ao persoal da Rede de Técnicos de Emprego de Galicia máis próximo.

Accede á rede de persoal técnico para ver onde atopar o máis próximo.

Consulta o apartado de documentos para localizar aqules do teu interese.

Axudas á consolidación e mellora

A consolidación e evolución da actividade pode requirir de importantes desembolsos: desde investimentos para adquirir inmobilizado ata a necesidade de contratar persoal para atender de forma axeitada a carga de traballo.

Para apoiarche nesta etapa, a Xunta de Galicia pon á túa disposición múltiples axudas e, para facilitar que poidas localizar as do teu interese, no apartado de axudas da Oficina Virtual mantemos unha relación actualizada das que están abertas en cada momento.

Se tes dúbidas en relación aos requisitos de acceso a estas axudas, contacta coa rede de persoal técnico de apoio ao emprego autónomo.

Actualización de competencias

No emprego autónomo, as túas competencias persoais e profesionais son claves para a configuración da túa oferta de servizos, polo que nesta etapa de consolidación e para permitir a actualización ou a adquisición de novas competencias requiridas para evolucionar na túa actividade, desde a Xunta de Galicia se pon periodicamente en marcha un plan de accións de formación dirixidas ao emprego autónomo, complementada coa posibilidade de incorporar a persoas traballadoras autónomas a outros cursos planificados para persoas ocupadas. Podes consultar no apartado de cursos da Oficina Virtual a relación de accións de formación dispoñibles para persoas traballadoras autónomas.

Ademais, se tes unha dilatada experiencia profesional na túa actividade, lembra que pode existir a posibilidade de acceder a un proceso de avaliación e acreditación das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral. Podes informarte en maior profundidade sobre o recoñecemento da experiencia profesional na web da Consellería de Economía, Emprego e Industria, ou a través da rede de apoio ao emprego autónomo.

Escaparate virtual

​Ao tempo que se consolida a túa actividade, consolídase tamén o teu catalogo de servizos. Por isto, desde a túa zona privada poderás actualizar tantas veces como sexa necesario o teu escaparate virtual, para que a túa clientela real ou potencial poda acceder sempre á visión máis actual do teu negocio.

Ofertas de colaboración

Para poder chegar máis alá no teu negocio, desde a Oficina Virtual dámosche a posibilidade de que consolides a túa actividade a través de colaboracións puntuais con outras persoas traballadoras autónomas.

Estas ofertas de colaboración só se poderán xestionar e ver desde a zona privada da Oficina Virtual, e poderás tanto responder ás que outras persoas realicen procurando a alguén da túa actividade, como buscar ti persoas que colaboren contigo nos teus proxectos.

Dúbidas e suxestións

Se tes algunha dúbida sobre o funcionamento da Oficina Virtual ou algunha suxestión ao respecto de como mellorala, contacta connosco a través do noso formulario.