Modernizar o negocio

A opción de modernizar o teu negocio sempre é unha decisión arriscada na medida en que representa un cambio sobre o que a clientela está afeita a ver e recibir e, como todo cambio, é unha incógnita cal será o resultado: valorará a clientela positivamente as novidades? Acadarase a mellora prevista nos resultados? Suporá una avance na dirección axeitada?

Para  dar resposta a estas e outras dúbidas que xurdirán durante o proceso de modernización, así como para acompañarte ao longo do mesmo e axudarte a centrarte no teu traballo, desde a Oficina Virtual canalizamos o apoio que desde a Xunta de Galicia podemos achegar, concentrado fundamentalmente nos seguintes servizos:

Servizos ReAcciona

Unha vía fundamental de modernización para as persoas traballadoras autónomas son os Servizos Re-acciona definidos polo IGAPE, coa finalidade de mellorar a súa profesionalización nunha determinada área estratéxica ou operativa.

Como persoa traballadora autónoma poderás acceder a estes servizos en igualdade de condicións que as microempresas, contando desde o comezo do servizo cuns obxectivos a acadar que se farán tanxibles ao rematar o servizo, de maneira que desde o inicio poderás coñecer o que podes esperar coa súa posta en marcha.

Estes servizos desenvólvense de xeito conxunto e guiado por unha entidade colaboradora do Igape, que en todo momento estará á túa disposición durante a duración do servizo de mellora, que pode ir dos 3 aos 6 meses aproximadamente, combinando estas accións cunha formación que resulta clave para conseguir os resultados planificados.

Os servizos Re-acciona céntranse en dous ámbitos:

  • Por unha banda no desenvolvemento estratéxico, con servizos como a análise de potencial competitivo, o plan de futuro do negocio, redes de cooperación ou transformación do negocio entre outros.
  • E por outra banda na profesionalización, con servizos como a optimización financeira, relanzamento comercial, a xestión por procesos ou a imaxe e comunicación entre outros.

Se algún deles é do teu interese, consulta neste enlace á web do IGAPE toda a información actualizada sobre os servizos Re-acciona, e comproba se neste momento hai convocatorias abertas ou para cando están previstas; ou fai a túa consulta a través do persoal especializado da rede de apoio ao emprego autónomo.

Servizos ReAcciona TIC

Se o que precisas é modernizarte para acceder á economía dixital, o programa Re-acciona TIC concentra os servizos Re-acciona específicos para este ámbito que ti precisas, contemplando os seguintes:

  • Diagnose para a aplicación de solucións dixitais
  • Adopción de solucións de mobilidade
  • Adopción de solucións dixitais para a mellora da xestión
  • Posta en marcha de estratexias de marketing dixital

Se algún deles é do teu interese, consulta neste enlace á web do IGAPE toda a información actualizada sobre os servizos Re-acciona TIC, e comproba se neste momento hai convocatorias abertas ou para cando están previstas; ou fai a túa consulta a través do persoal especializado da rede de apoio ao emprego autónomo.

Dúbidas e suxestións

Se tes algunha dúbida sobre o funcionamento da Oficina Virtual ou algunha suxestión ao respecto de como mellorala, contacta connosco a través deste formulario.