A Xunta duplica a axuda a prol da conciliación dos autónomos para contratar ata 32 semanas un traballador que cubra a baixa por maternidade ou paternidade

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou na rolda de prensa do pasado Consello a posta en marcha dunha axuda para contratar durante 16 semanas unha persoa traballadora para cubrir a baixa por maternidade ou paternidade das persoas autónomas e facilitar así a súa conciliación.

Con esta medida, Feijóo aseverou que Galicia duplica a bonificación que facilita o Goberno central. Así, as e os profesionais por conta propia poderán contar con apoios para contratar unha persoa traballadora durante 32 semanas, ao engadir 16 semanas máis ás 16 que xa financia o Ministerio.

Cunha achega prevista de arredor dun millón de euros, o presidente autonómico precisou que esta a axuda, que nace con vocación de permanencia, cubrirá o 100% da cota empresarial á Seguridade Social da persoa traballadora contratada.

Así mesmo, financiaranse os contratos que se renovasen ou se renoven, unha vez rematada a baixa por maternidade ou paternidade, entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro deste ano.

Feijóo referiuse tamén á flexibilidade da axuda, xa que a renovación do contrato se poderá facer nos 15 días posteriores aos que finalice a baixa, cunha achega media de 2.000 euros por contrato.

Cómpre salientar que esta iniciativa de fomento da conciliación súmase a outras que xa están en marcha para beneficiar a este colectivo, como por exemplo: a tarifa plana durante un ano para novos profesionais; o Bono Autónomo para apoiar ao traballador cunha actividade consolidada, de ata 3.000 euros; a Oficina do autónomo, que recolle nunha xanela única toda a información sobre axudas e procedementos administrativos de interese para o profesional; formación específica, cuxa tramitación xa rematou e se porá en marcha proximamente; e o programa de remuda xeracional, para fomentar a continuidade dos negocios.

Feijóo aseverou que coa activación destas dúas últimas liñas e da axuda para conciliación, estarán en funcionamento o 100% das medidas previstas pola Estratexia do autónomo para este ano, oito meses despois da súa aprobación.

Máis información

Compartir esta noticia