En marcha xa a segunda edición da Semana "Galicia Camiño Emprendedor"

Coa colaboración da Xunta de Galicia, a Fundación Ronsel promove esta segunda semana do emprendedor con temáticas de especial interese para persoas autónomas, emprendedoras e interesadas no mundo do emprendemento.

Constará de 5 xornadas intensivas do 19 ao 23 de febreiro na Hospedería San Martín Pinario (Santiago de Compostela) nas que se tratarán aspectos de especial relevancia para potenciar e favorecer o ecosistema emprendedor, achegando novas iniciativas, enfoques e metodoloxías que promovan e inspiren un modelo de emprendemento máis moderno e sostible.

As cinco sesións temáticas previstas son as seguintes:

Competencias emprendedoras. Presentación das 10 competencias emprendedoras recoñecidas polo programa de emprendemento das Nacións Unidas, incidindo tamén nas competencias de logro, afiliación e poder, incluíndo un test de autoavalización de competencias para facilitar o seu diagnóstico

A túa empresa co método Lean. Avaliarase a potencialidade do método Lean para testar e adaptarse constantemente ao mercado, dotando ao emprendemento de ferramentas para a súa consolidación, rematando coa realización dun Business Model Canvas e dinámicas de grupo

Proba de mercado, ponte a vender. Aplicación directa entre o produto ou servizo a comercializar e a aceptación ou opinión do cliente, incidindo na modelización de tests axeitados para cada negocio e en dinámicas grupais para interiorizar o modelo e as súas vantaxes

Mentoring, reduce os teus riscos. Farase unha presentación do programa de mentoring para apoiar ás persoas emprendedoras establecendo criterios e obxectivos da relación, incidindo nos seus contidos e exemplos que amosen os resultados desta metodoloxía

Pop-up Store, darse a coñecer. Presentación destes locais ou eventos que actúan de facilitadores ou ferramentas de apoio aos novos negocios con base na Internet para achegarse aos seus clientes.

Accede aquí para máis información e para acceder á solicitude de inscrición.

Compartir esta noticia