Workshop "Estratexias para a protección do deseño"

A GAIN promove o vindeiro 25 de outubro no CIS Galicia de Ferrol un taller para tratar a protección da propiedade intelectual e industrial como un dos aspectos críticos no sector do deseño, especialmente vulnerable a copias e plaxios.

É por isto que a Axencia Galega de Innovación (GAIN) elixiu este tema como obxecto do primeiro workshop que se celebra no marco do Programa de Deseño para a Innovación 2020. A xornada combina a difusión de coñecemento sobre as diferentes fórmulas de protección do deseño por parte de axentes expertos cunha aproximación práctica en forma de taller, na que os asistentes terán ocasión de proxectar os seus intereses particulares neste ámbito.

Personas destinatarias
As persoas destinatarias do workshop, entre outras, son aquelas persoas deseñadoras de todos os ámbitos e representantes de empresas e outras entidades interesadas en coñecer as diferentes fórmulas de protección do valor dos intanxibles e dos procesos e as tecnoloxías asociadas a eles fronte a copias ou reclamacións por parte de terceiros.

Enfoque práctico
O taller está dividido en dúas sesións.

Na sesión da mañá, as persoas asistentes terán ocasión de aproximarse ás principais problemáticas sobre a protección das creacións da man da Asociación Galega de Deseño (DAG). Poderán tamén coñecer dous casos reais no manexo destas cuestións por parte de empresas galegas de diferentes sectores: a de cerámica Sargadelos e a de iluminación SETGA.

Isto completarase coa visión dun deseñador industrial experto en propiedade industrial sobre a lexitimidade das copias e cun percorrido polos principais aspectos legais do deseño gráfico a cargo dun despacho de avogados especializado en dereito no ámbito das novas tecnoloxías.

Na sesión de tarde promoverase un taller baseado en recomendacións, consellos e procedementos que as empresas e profesionais do deseño deben seguir para protexer as súas creacións, baixo un enfoque práctico que lles permitirá manexar casos reais.

Programa e inscricións

Compartir esta noticia