A Xunta apoia a creación de Hubs de innovación dixital

A Xunta apoia a creación dos dous primeiros Hubs de Innovación Dixital de Galicia, que estarán centrados en achegar ás pemes as tecnoloxías asociadas á fábrica do futuro, como a internet das cousas e a intelixencia artificial, e as que permiten o manexo de grandes cantidades de información (big data) vinculadas ao desenvolvemento das ciencias da vida.

A Axencia Galega de Innovación ven de resolver a selección dos proxectos iniciais.

Prevese que estes proxectos, liderados respectivamente polo Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga) e o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga), estean plenamente operativos a partir do ano 2020, co obxectivo de estender o impacto positivo da innovación ás  pequenas e medianas empresas galegas.

Os Hubs de Innovación Dixital funcionan como unha xanela única de capacidades tecnolóxicas en que conflúen todos os recursos que os centros de coñecemento galegos ofertan ás pemes, achegando tamén apoio integral para levar os produtos e servizos innovadores ao mercado. Trátase dunha nova forma de estruturar o ecosistema de I+D+i, que permite facer un mellor uso e aplicación dos recursos existentes, conectar mellor o coñecemento disruptivo e a industria; e impulsar a dixitalización das pemes para que sexan máis competitivas e gañen tamaño.

Coa creación destes dous polos de innovación, tras un proceso en que participaron máis de 240 axentes, Galicia avanzará en tecnoloxías como a internet das cousas, a intelixencia artificial, a computación avanzada, a minaría de datos e o big data, a ciberseguridade ou a computación na nube.

O proxecto impulsado por Ceaga beneficiará sectores como a automoción, o agroalimentario, o naval, o forestal e o téxtil, mentres que o impulsado por Bioga prevé ofrecer servizos ás cadeas de valor da biotecnoloxía, a saúde, o forestal, o agroalimentario e o ámbito mar-industria.

Estas iniciativas contan coa participación doutros clústeres, centros tecnolóxicos, grandes empresas tractoras e compañías tecnolóxicas, ademais das universidades. No caso do Hub liderado por Ceaga participan outros clústeres como Aclunaga, Clusaga e o Clúster TIC; empresas tractoras como Nueva Pecanova, Clun, Textil Lonia, os estaleiros Barreras e Freire, PSA, GKN, Ence, Cupa ou Navantia; firmas do eido tecnolóxico como Televés e R; así como os centros Aimen, Anfaco-Cecopesca, Cesga, CTAG, Cetim, Gradiant e ITG; ademais das tres universidades galegas e de Feuga.

No Hub liderado por Bioga, entre os participantes repiten Clun, Nueva Pescanova, Televés, Clusaga, o Clúster TIC, Cesga, Gradiant, Anfaco-Cecopesca e a Universidade de Santiago de Compostela. A maiores, colaboran neste proxecto outras empresas (como Mestrelab e Vodafone España) e clústeres (como o da Saúde e o da Madeira), así como a Fundación Kaertor.

O funcionamento destas agrupacións virá determinado pola demanda das empresas, e deberán autoxestionarse de forma independente e tender cara á sustentabilidade económica, a través do cobro dos servizos prestados aos usuarios e doutras achegas privadas.

A constitución de Hubs, que permitirá conectar as pemes coas fontes de innovación tecnóloxica excelente de fóra de Galicia, está aliñada coa Iniciativa Comunitaria para a Dixitalización da Industria Europea, e é un aspecto imprescindible para que Galicia teña acceso aos máis de 9.200 millóns de euros que a Unión Europea ten previstos para o programa Europa Dixital para o período 2021-2027.

En total, prevese destinar aos hubs e aos seus usuarios máis de 20 millóns de euros de apoios públicos. Así, durante este ano e o que vén, a Xunta, no marco da Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia e o Plan Galicia Innova, así como da Axenda 4.0, proporcionará axudas económicas de ata 200.000 euros por cada Hub, así como asesoramento experto para a súa axeitada articulación.

Compartir esta noticia