Convocada a terceira edición dos premios Exceleite ás mellores explotacións de vacún de leite de Galicia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) ven de publicar a Orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan para o ano 2019 os premios á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria de produtores de leite cru de vaca de Galicia, coñecidos como premios “Exceleite”.

Esta é xa a terceira edición destes galardóns, tras a boa acollida das dúas anteriores entre o sector produtor lácteo galego. Trátase de recoñecer aos gandeiros máis comprometidos co seu traballo e, polo tanto, coa calidade do leite que producen nas súas explotacións.

Os premios Exceleite distinguen ás granxas en tres categorías en función do seu tamaño (pequenas, medianas e grandes) e á súa vez estas subdivídense cada unha delas en tres grupos segundo o sistema de produción (intensivo, semiextensivo ou extensivo). Recoñécense ademais especificamente as mellores explotacións ecolóxicas.

Poderán optar a estes recoñecementos todas as explotacións leiteiras de gando vacún de Galicia que realizan os seus autocontrois de calidade no Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal), de tal xeito que consten na base de datos deste centro os resultados das mostras de leite correspondentes ao período de referencia. As explotacións deberán atoparse de alta no Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada (Recaldi) e, no caso das ecolóxicas, deberán estar inscritas no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), así como cumprir outras características técnicas que se detallan na convocatoria.

Os resultados que faciliten as análises do Ligal permitirán facer unha primeira selección das explotacións que poden optar a estes premios. A continuación remitiráselles aos seleccionados unha carta para que autoricen a súa participación como finalista.

Unha vez acepten a súa selección no galardón, comezarán as visitas de campo ás granxas para corroborar que as características da explotación son as axeitadas. De ser así, os gañadores basearanse exclusivamente nos resultados do leite.

Compartir esta noticia