A Xunta ofrece asesoramento inmediato a persoas autónomas e pemes para reactivar a súa actividade a través do Igape Responde

O novo programa posto en marcha pola Xunta para fortalecer e reorganizar os servizos de acompañamento aos colectivos empresariais ante a situación xerada pola covid-19 ten en funcionamento o teléfono gratuíto de información 900 815 151 e o correo igaperesponde@igape.es. Forman parte do Igape Responde, iniciativa dirixida a ofrecer asesoramento inmediato a autónomos e pemes para reactivar a súa actividade e que vai contar cos servizos dunha nova convocatoria da liña ReAcciona para facilitar orientación sobre como adaptar os negocios ás novas necesidades.

Tanto a través do teléfono como do correo electrónico proporciónase asesoramento sobre as medidas impulsadas pola Administración autonómica co obxectivo de facilitar a volta á actividade do tecido empresarial galego con garantías de seguridade para a saúde e para mellorar a competitividade no novo contexto económico derivado da pandemia. Deste xeito, a través destas canles, autónomos e empresas poden consultar os apoios xa activados e os que entrarán en funcionamento proximamente.

Ademais, a través da xanela única que ofrece o Igape Responde, tamén estarán dispoñibles os servizos que se porán en marcha mediante a nova convocatoria do ReAcciona que achegarán orientación e apoio individualizado sobre as medidas de implantación rápida que se deben adoptar a nivel xeral, na reorganización estratéxica e operativa dos negocios, así como no que se refire a proxectos de dixitalización e innovación para manter e impulsar a actividade produtiva. En concreto, ofrecerá soporte personalizado en aspectos como a implantación do teletraballo, prestacións de servizos e promoción en liña, busca de financiamento e reconfiguración da oferta comercial.

Esta nova ferramenta, ademais de servizos de asesoramento e mentorización, porá a disposición do tecido produtivo galego unha base de coñecemento con información de interese empresarial, encontros explicativos en liña, guías de repostas a preguntas frecuentes e boletíns informativos periódicos.

Igape Responde

Compartir esta noticia