A Xunta promove a economía circular entre as pemes a través do proxecto europeo C-Voucher

A Xunta, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), dependente da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, en colaboración con varios clústeres empresariais celebra tres seminarios en liña para presentar a convocatoria para 2020 do proxecto europeo C- Voucher, que ten como obxectivo promover a economía circular entre as pequenas e medianas empresas.

En concreto, as xornadas de presentación comezan mañá, 30 de setembro ás 12:00 horas, organizada pola Asociación Clúster do Naval de Galicia (Aclunaga) e continúan o vindeiro martes, 6 de outubro, ás 10:00h en colaboración con Bioga e o clúster TIC, e ás 16:30h da man do Clúster Téxtil e Moda (Cointega).

A asistencia e inscrición é gratuíta previo rexistro.

Convocatoria aberta ata o 30 de outubro A convocatoria do proxecto C-Voucher está aberta ata o 30 de outubro e poderán presentar o seu proxecto pequenas e medianas empresas europeas dos ámbitos da saúde, a economía azul, o téxtil, a agroalimentación e a fabricación para optar a axudas de ata 15.000 euros e asesoramento técnico.

Concretamente, trátase dunha nova convocatoria do programa Adopters, que forma parte do proxecto europeo C-Voucher, destinado a pemes que desenvolvan solucións circulares innovadoras que afonden na eficiencia enerxética e de recursos materiais, na enerxía renovable, nos produtos biolóxicos, na extensión do ciclo de vida do produto ou na economía de rendemento, compartida ou de plataforma.

As 24 pequenas e medianas empresas que resulten seleccionadas recibirán 15.000 euros en axudas e, durante un período de tres meses, poderán recibir asesoramento técnico durante a fase creativa de desenvolvemento do modelo empresarial circular e, tamén, para identificar outras posibilidades de financiamento do seu modelo de negocio. C-Voucher é a primeira iniciativa financiada pola Comisión Europea para promover a economía circular nas cadeas de valor das empresas.

Conta cun total de 13 socios de seis países: España, Polonia, Francia, Dinamarca, Romanía e Suecia. Trátase dun proxecto con financiamento do programa H2020 que destina 4,2 millóns de euros ao longo de catro convocatorias, das que esta é a derradeira. Nas anteriores, dúas empresas galegas resultaron beneficiarias: Merasys e Krack Zapaterías.

Máis información

Compartir esta noticia