A Xunta activa a Estratexia Autónomo 2020 cun total de 160 millóns para os próximos 4 anos -40 millóns ao ano- co obxectivo de apoiar de media máis de 10.000 traballadores cada ano, o que supón un incremento do 45 % sobre a última lexislatura. O documento contén 20 actuacións das que a metade son novas na Comunidade e poranse en marcha ao longo deste ano 2017. A nova estratexia actívase xa con preto de 20 millóns de euros en axudas para o establecemento como autónomo e para a contratación indefinida de traballadores/as.

O colectivo autónomo é unha prioridade para o Goberno galego que está involucrado na busca de fórmulas que permitan impulsar e dar o recoñecemento que merece este sector. Por iso, a estratexia nace para consolidar a Galicia como o mellor espazo onde desenvolver iniciativas exitosas no campo do emprego autónomo.  O seguimento, control e mellora desta folla de ruta realizarase a través da Mesa do Emprego Autónomo de Galicia, na cal están presentes todos os axentes involucrados e con representatividade.

Para fortalecer o sector, a Estratexia Autónomo 2020 contén tres prioridades:

1. Incorporar novas persoas ao emprego autónomo.

2. Consolidar o xa existente para garantir a súa viabilidade.

3. Simplificar e axilizar a tramitación administrativa,

Para levar a cabo estas actuacións melloraranse os apoios no arranque e consolidación da actividade e no cambio xeracional, e os programas que promoven a calidade de vida e os servizos destes traballadores.

javascript:void(0)

Novas medidas

Ponse en marcha por primeira vez na Comunidade o Bono Autónomo de ata 3.000 euros para a consolidación da actividade. Deste cheque poderán ser beneficiarios os traballadores cunha antigüidade de máis de 42 meses e cunha facturación mínima de 12.000 euros. A axuda, coa que se prevé chegar ás 1.000 persoas ao ano, deberá empregarse en servizos dirixidos a mellorar a súa competitividade.

Como medidas innovadoras destacarán tamén a ampliación da tarifa plana e un programa de renovación xeracional para a continuidade de negocios que favorezan a integración da mocidade.

A Xunta, ampliará ademais 16 semanas máis a bonificación do 100% da cota da Seguridade Social para conciliar. A axuda vai dirixida aos traballadores e traballadoras beneficiarios/as da bonificación por maternidade ou paternidade do Estado que teñan contratada unha persoa durante este período. A persoa autónoma poderá acollerse tamén aos incentivos previstos pola Xunta para a contratación.

Oficina do Autónomo

Outra das medidas innovadoras que se implanta é esta Oficina do Autónomo que se converterá na xanela única deste colectivo, un espazo unificado e integral de asesoramento e consulta de acceso telemático, onde os/as traballadores/as poderán consultar toda a información sobre as axudas e procedementos administrativos que sexan do seu interese.

Tamén destaca a posta en marcha, cun orzamento de 3,5 millóns de euros, dun programa específico de formación para este sector co obxectivo de contribuír á mellora e adaptación aos novos tempos.

Así mesmo, potenciarase a responsabilidade social empresarial e desenvolverase un servizo de estudos de mercado para identificar as oportunidades de negocio, así como un programa de difusión para visibilizar o papel do emprego autónomo. Simplificaranse e implantaranse, ademais, novos procedementos na sede electrónica.  

Programas de apoios activados

Todas estas medidas completaranse co reforzo dos programas de axudas xa existentes, como son os apoios ao establecemento como autónomo e á contratación indefinida que se activan xa con preto de 20 millóns de euros.

A través das axudas concederase unha contía base de 2.000 euros e, como novidade, este ano, non será preciso achegar un investimento inicial. Esta axuda duplicarase ata os 4.000 euros e sen investimento para os/as menores de 30.

Outras axudas que melloran son as destinadas á contratación indefinida que crecerán en 1.000 euros. Pasarán de 4.000 a 5.000 euros para o primeiro traballador contratado e de 5.000 a 6.000 euros para o segundo e terceiro.

En todos os programas as contías base incrementaranse nun 25% para as mulleres, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, unidades familiares en que todos os seus membros están no paro e no caso de que o centro de traballo estea nun concello rural.

Os autónomos e autónomas poderán tamén beneficiarse dos apoios financeiros do Igape, da Rede de Aceleradoras de Espazos Coworking e de programas específicos de recoñecementos médicos e de prevención de riscos laborais, así como dos servizos TIC.

A Estratexia do Autónomo responde a unha actuación enmarcada na Axenda 20 para o Emprego encamiñada a incrementar as oportunidades laborais dos galegos e na Axenda Galicia-Industria 4.0.