O valor do emprego autónomo

En Galicia, aproximadamente 1 de cada 4 persoas ocupadas figura inscrita no Réxime Especial do Traballo Autónomo (RETA), o que fala as claras da súa importancia e do valor achegado por este colectivo á economía galega.

Por este motivo, dende a Consellería de Economía, Emprego e Industria, en interlocución coas principais entidades representativas do sector e en execución da Estratexia Autónomo 2020, ponse en marcha a Oficina Virtual do Emprego Autónomo como instrumento para unificar e potenciar a atención ás persoas traballadoras autónomas que desenvolven a súa actividade en Galicia.

Deste xeito, estas disporán a partires de agora dun espazo integral de servizos ao que poderán dirixirse desde calquera lugar con acceso a Internet e en calquera horario, para consultar as súas dúbidas, solicitar información ou acceder a servizos especificamente deseñados para elas, evitando perdas de tempo en desprazamentos ou procuras e dedicándose a crear valor na súa actividade.

Contidos da oficina virtual

Este espazo irá medrando progresivamente en contidos e servizos, polo que será de grande interese contar coa participación activa dos axentes involucrados no seu desenvolvemento, acadando unha mellor atención ás demandas deste colectivo.

Obxectivos

Obxectivos_Galego

Contidos

A Oficina Virtual busca dar resposta a todas as necesidades que poden xurdir ao longo da actividade dunha persoa traballadora autónoma, dende que está a considerar a posibilidade de darse alta ata que, cumprida a súa vida laboral, se achega á súa xubilación.

Polo tanto, incídese en todos os momentos nos que as persoas traballadoras autónomas poden demandar algún tipo de axuda ou apoio da Xunta de Galicia.

Nese sentido, polo propio carácter personalizado destes contidos e servizos asociados, moitos deles estarán dispoñibles dende a zona privada específica, non sendo visibles nin accesibles para o público en xeral, polo que se require rexistro previo para poder gozar de todas as funcionalidades previstas.

Cómo rexistrarse?

Na actualidade a zona interna está en proceso de completar o seu desenvolvemento. Para recibir unha mensaxe no momento en que o rexistro estea dispoñible coas instrucións para realizar o mesmo, cumprimente o formulario de contacto dispoñible neste enlace.

Estes sos os principais contidos aos que poderás acceder a través da zona privada da Oficina Virtual do Emprego Autónomo:


Xanela Única do Emprego Autónomo

Na Oficina Virtual, calquera persoa autónoma atopará unha Xanela Única desde a que consultar calquera cuestión relativa aos servizos específicos que desde a Consellería de Economía, Emprego e Industria se lles prestan.

Desde aquí poderá presentar as súas peticións, que internamente serán xestionadas para darlle unha resposta rápida e eficaz.

 


Axudas ao emprego autónomo

axudas

Dentro deste apartado da Oficina Virtual concentrarase o acceso a todas as axudas da Xunta de Galicia nas que as persoas traballadoras autónomas figuren como potenciais beneficiarias, clasificadas por diferentes categorías e estruturadas conforme ao ciclo de vida do emprego autónomo, para que poidan situarse no punto do seu interese e localizar máis rapidamente as máis axeitadas.

Ademais, para facilitar a súa solicitude e posterior tramitación, inclúese en cada caso o enlace ao procedemento correspondente na Sede Electrónica da Xunta de Galicia.

 


O Bono Autónomo

Neste espazo, dentro da zona privada, se poderá obter información e consultar os usos ou contidos utilizados a través do bono autónomo pola persoa traballadora autónoma, coa posibilidade de contar con maior información sobre máis servizos ou contidos que facilite a súa subscrición.

 


Acceso á Rede de Persoal Técnico

Rede

Na Oficina Virtual á persoa traballadora autónoma, ademais de buscar en todo o territorio aos membros da rede de persoal técnico propio da Xunta de Galicia, así como ao persoal da Rede de Técnicos de Emprego de Galicia, que poden prestar apoio ao emprego autónomo conforme a diferentes ámbitos de especialidade, poderá contactar con eles para concertar entrevistas presenciais ou iniciar procesos de atención de xeito telemático a través da propia Oficina Virtual.

 


Información, asesoramento e mentoring

Asesoramento

A Oficina Virtual dispón dunha canle de relación e interacción co persoal técnico da rede de apoio da Xunta de Galicia, así como co persoal da Rede de Técnicos de Emprego de Galicia, de forma que a través desta é posible desenvolver procesos de comunicación, asesoramento ou seguimento entre unha persoa autónoma e o persoal técnico especialista nos ámbitos do seu interese (comercialización, xestión, internacionalización...).

Estas interaccións quedan rexistradas na propia ferramenta, de forma que a persoa autónoma poderá volver sobre elas cando o precise, e poderá enviar as súas preguntas, comentarios ou valoracións en calquera momento, sen necesidade de esperar a que o persoal técnico estea conectado en liña.

Deste xeito, conta cunha canle dinámica e flexible para a mellora competitiva do seu negocio.

 


Formación e mellora das competencias

Formación

Unha das claves para manter a competitividade dos negocios das persoas traballadoras autónomas é posibilitarlles unha mellora continua das súas competencias, con base nas tendencias e ferramentas máis actualizadas para atender á súa clientela.

Por este motivo, na Oficina Virtual poderá acceder á información relativa aos cursos dispoñibles dentro dos plan de formación da Xunta de Galicia, coa posibilidade de nun futuro integrar contidos en modo “auto formación”.

 


Ofertas de colaboración

Claboración

Para potenciar os resultados de negocio das persoas traballadoras autónomas, un dos contidos que contempla a Oficina Virtual é o de publicar e/ou responder a ofertas de colaboración doutras persoas traballadoras autónomas rexistradas dentro da ferramenta.

Este é un contido voluntario que lle dará a oportunidade a unha persoa traballadora autónoma de localizar a outra ou outras para acceder, de xeito colaborativo, a contratos ou proxectos aos que por si soa non podería chegar.

 


Escaparate virtual persoal

Escaparate virtual

Este servizo, tamén de carácter voluntario, daralle a oportunidade ás persoas traballadoras autónomas rexistradas de dispoñer dunha zona na web para presentar os seus produtos ou servizos ao público, cunha URL específica que poderá empregar no seu material promocional ou de presentación (tarxetas de visita, orzamentos...) para que a clientela potencial poida coñecer a súa oferta en maior medida.

Este escaparate virtual é xestionado pola persoa autónoma desde a súa zona privada, pero será visible desde a zona pública para o público en xeral, pudendo empregala como un tarxeta de presentación virtual se o desexa.

No seu escaparate virtual, a persoa traballadora autónoma poderá incluír un detalle dos seus servizos, ofertas, imaxes ou a localización e medios de contacto, pudendo modificar o seu contido tantas veces como o desexe.

 


Relevo no emprego autónomo

Relevo

Dende a Oficina Virtual tamén se dará cumprida información sobre o Programa de Relevo no Emprego Autónomo en Galicia, tanto para as persoas que se xubilan como para as que queren iniciarse na actividade dentro do réxime de autónomos, dándolles un conxunto moi amplo de ferramentas que faciliten a súa transición e faciliten o propio relevo.

Para aquelas persoas que se integren no programa, o seguimento do desenvolvemento do mesmo tamén poderá facerse a través das canles dispoñibles na zona privada da Oficina Virtual, poñendo ao seu alcance os diferentes servizos en liña e presenciais neste ámbito.

 


Seguridade e Saúde Laboral

Prevención

A seguridade e saúde laboral resulta un aspectos crítico para mellorar as condicións de traballo das persoas traballadoras autónomas. Por este motivo, na Oficina Virtual se despregarán todos os contidos relacionados con estas actividades, destacando a publicación de boas prácticas para diferentes sectores nos que predomine o emprego autónomo, ata consellos para a elaboración de avaliacións de risco, ou información sobre as campañas de vixilancia da saúde para persoas traballadoras autónomas.

Dende a Oficina Virtual, ademais, as persoas usuarias poderán solicitar asesoramento técnico ou consultar dúbidas na materia ao persoal experto da Rede de Persoal Técnico da Xunta de Galicia.

 


Publicacións de referencia

Publicacións

Na Oficina Virtual disponse dunha biblioteca con publicacións relevantes e de interese para o emprego autónomo en Galicia, a libre disposición das persoas traballadoras, estruturadas por categorías para favorecer a súa busca e localización.

Estes documentos poderán consultarse en liña ou descargarse para consulta posterior, e están en continua actualización para renovar os temas e contidos, adecuándoos ao contexto do emprego autónomo.

 


Novas e eventos

Novas e eventos

Publicación de novas e de eventos de interese relacionados co emprego autónomo, para permitir ás persoas traballadoras manterse actualizadas respecto ás últimas tendencias e novidades no sector.

 


Preguntas frecuentes

Preguntas frecuentes

Tamén se recolle unha colección de dúbidas e preguntas frecuentes en relación ao emprego autónomo. Estas preguntas estarán en constante evolución, engadindo novas cuestións relacionadas con temas de actividade e actualizando as respostas en función dos cambios que se produzan na normativa ou no mercado.

 


Enlaces de interese

ENlaces de interese

Apartado con enlaces a páxinas de interese para o emprego autónomo noutras institucións ou administracións.

 


Suxestión e mellora

Suxestións de mellora

Dende a Oficina Virtual se quere escoitar ás persoas traballadoras autónomas para coñecer as súas necesidades e ofrecer servizos e contidos máis axeitados ás súas demandas.

Por este motivo, e como complemento ás achegas das entidades representativas do sector a través da mesa do Emprego Autónomo de Galicia, dentro da Oficina Virtual disporase dunha canle para recoller as suxestións de mellora, tanto en relación aos servizos ao emprego autónomo, como aos contidos da propia oficina Virtual para mellorar a súa utilidade.