A posta en marcha

Se estás pensando en iniciarte no emprego autónomo ou xa tomaches a decisión de facelo, atópaste nun dos momentos máis importantes da túa vida profesional. Por ese motivo, desde a Oficina Virtual do Emprego Autónomo queremos darte o máximo apoio posible para asegurar que a túa iniciativa siga o bo camiño e chegue a consolidarse.

Este momento do arranque é crítico xa que vai condicionar e determinar non só o éxito a longo prazo do teu proxecto de emprego autónomo, senón que vai ser clave de cara determinar o tempo que vas requirir para asentarte con solvencia no teu sector de actividade.

Poñemos a túa disposición esta sinxela guía para axudarche no proceso.

Asesoramento e apoio

É moi importante neste momento inicial analizar con precisión aspectos tan diversos como o estado do mercado e as súas tendenzas, a clientela a que te vas dirixir e as súas expectativas, a oferta de servizos ou produtos que xa existe e coa que vas competir, como te vas diferenciar dela, ou que gastos vas ter e que ingresos requires para facer o teu negocio rendible, cuestións todas elas de carácter moi técnico que requiren dun apoio especializado para solventalas con garantías.

Este apoio poderás atopalo a través da Oficina Virtual, tanto contando co persoal da rede de técnicos de apoio da Xunta de Galicia, xa sexa de forma presencial ou a través da túa zona privada, como co persoal da Rede de Técnicos de Emprego de Galicia ou coas publicacións e manuais de referencia con estudos de mercado ou plans de empresa que podes atopar no apartado de documentación.

Consulta onde está o persoal técnico máis próximo desde a sección da rede de apoio da Oficina Virtual ou desde o mapa da portada.

Comproba se algunha das publicacións das que dispoñemos no apartado de documentos é do teu interese.

Axudas

Os aspectos económicos e financeiros sempre son un dos principais atrancos á hora de poñer en marcha unha iniciativa de emprego autónomo. Para que no teu caso non sexa así, desde a Xunta de Galicia poñemos múltiples axudas á túa disposición para apoiarte nesta etapa. Para facilitar a túa procura, no apartado de axudas da Oficina Virtual sempre mantemos unha relación das que están abertas en cada momento e teñen como potenciais beneficiarias a persoas traballadoras autónomas, con enlaces á Sede Electrónica para que poidas iniciar a súa tramitación se algunha resulta do teu interese.

Se tes dúbidas en relación aos requisitos de acceso a estas axudas, contacta coa rede de persoal técnico de apoio ao emprego autónomo.

Información e formación

A sorte está con quen se prepara, e para que te prepares nas mellores condicións desde a Oficina Virtual poñemos á túa disposición recursos formativos e informativos que buscan mellorar as túas competencias e darte a mellor cualificación posible. Por isto, no apartado de cursos mantemos unha relación actualizada da programación de cursos para o emprego autónomo da Xunta de Galicia.

En paralelo coa formación, podes considerar a posibilidade de acceder a un Certificado de Profesionalidade que acredite de xeito oficial que dispós dunha cualificación profesional incluída dentro do Catálogo Nacional das Cualificacións Profesionais.

Os certificados de profesionalidade poden obterse mediante a superación da formación establecida na regulación do propio certificado, superando un proceso de avaliación e acreditación das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral ou cunha combinación de ambos.

Podes informarte en maior profundidade sobre os certificados de profesionalidade e sobre o recoñecemento da experiencia profesional na web da Consellería de Economía, Emprego e Industria, ou a través da rede de apoio ao emprego autónomo.

Escaparate virtual

Para axudarte coa tarefa de darte a coñecer ao mercado no momento de lanzar a túa actividade, desde a parte privada da Oficina Virtual poderás crear e xestionar o teu escaparate virtual, un espazo web básico no que dar a coñecer os teus servizos e os teus datos de contacto, de forma que todas aquelas persoas que accedan ao buscador da zona pública da Oficina Virtual poidan localizarte e contactar contigo para solicitar os teus servizos.

Dúbidas e suxestións

Se tes algunha dúbida sobre o funcionamento da Oficina Virtual ou algunha suxestión ao respecto de como mellorala, contacta connosco a través do noso formulario.